miércoles, 1 de mayo de 2013

LETRAS GALEGAS 2013

ROBERTO VIDAL BOLAÑO

O día 17 de maio é o día das Letras Galegas e tódolos anos está dedicado a un escritor ou escritora distinto.
Esté ano o escritor homenaxeado é Roberto Vidal Bolaño: escritor de teatro, actor,....
O telexornal do CPI de Rois ofrecenos a información sobre este dramaturgo:
 

 

BIOGRAFÍA E OBRA:

Roberto Vidal Bolaño naceu en Santiago de Compostela o mesmo ano en que morreu Castelao en Buenos Aires e alí fixo os  seus primeiros estudos.
Estreou a súa primeira peza teatral en 1965, cando só tiña quince anos.
Desde moi novo, con apenas doce anos, comeza a traballar como administrativo nunha empresa de recambios de coches, ata que lle toca ir a Ceuta para facer o servizo militar.
 Entre os anos 1971 e 1973, coñece oficios que van desde os ultramarinos ou o automóbil ata unha axencia de viaxes. Mais as ataduras laboráis non evitan a súa necesidade de formación e enriquecemento artístico e cultural.
 

 A narración de historias con personaxes en movemento que se exhiben en toda a súa complexidade ante os ollos de todos parece fascinalo especialmente. O mundo do cine e o das representacións teatrais, manterano sometido ás súas luces e aos seus modos narrativos para sempre.
A súa formación intelectual íase configurando tamén nos estudos que en horario nocturno seguía no Instituto Xelmírez,  coa intención de conseguir o título de bacharelato elemental para poder matricularse na Escola Oficial de Cine de Madrid.
Foi un proxecto truncado, pois uns anos despois, cando estaba disposto a ingresar na Escola, esta pechou. Non lle quedou máis remedio que ir adquirindo a súa formación cinematográfica  a base de ver moito bo cine e tamén de tomar clases prácticas dos mellores mestres posibles.
 No ano 1964 asiste ás sesións do cineclub da Asociación Fotográfica Compostelana, onde toda a súa intuición narrativa e dramática se alicerza xa cun coñecemento máis directo dos grandes mestres do cinema universal. Toda esta amálgama de coñecementos e experiencias debuxa unha pegada resistente en cada un dos textos que Roberto Vidal Bolaño nos deixou. Nada do seu teatro se entendería sen o seu amor polo cine. Roberto sempre recoñeceu que en realidade o seu desexo era ser director, pero a ausencia dunha industria audiovisual fixo imposible isto.

A súa condición de asalariado e de home en proceso de formación relaciónao, sendo aínda un neno, coas Xuventudes Obreiras Cristiás que constituíron a sua porta de acceso á militancia sindical e política antifranquista. Precisamente, a súa primeira peza teatral, O Xogadeiro, estréaa Roberto Vidal Bolaño no colexio Placeres de Marín, durante a celebración do Día do Aprendiz programado por esta organización obreira. 
 Comeza así a historia do autor máis prolífico da nosa literatura, do dramaturgo esencial do noso teatro, do cineasta que dirixiu teatro porque non puido facer cine.
No ano 1971, entra en contacto có Equipo Lupa donde Vidal Bolaño atopa formas do teatro popular, o que lle permite adquirir un gran coñecemento da cultura popular galega e das súas representacións parateatrais. Tamén lle serve para para tomar contacto con dramaturgos como Bertolt Brecht, por quen sempre sentirá unha admiración especial que o levará mesmo a armar a súa Ópera de a patacón (1994).
 
 

Sempre que puido, participou en proxectos audiovisuais, ben como actor, ben como guionista, ben como creador, e esa era a súa forma de satisfacer a necesidade dun audiovisual galego, dun Cine Nacional que nos servise como expresión cultural.
Son moitos os proxectos que Roberto Vidal Bolaño transfigurou en linguaxe audiovisual. A maior parte deles non puideron cristalizar.  Ninguén, quitada algunha excepción, recorreu a el como guionista nin como director. A subalternidade audiovisual galega e o seu sometemento ao mercado impediron que Roberto Vidal Bolaño lle ofrecese a un Cinema Nacional o que lle ofreceu ao teatro e á literatura dramática.
 A lingua galega non foi protagonista do campo audiovisual como o foi e o será do teatro e a literatura. E da relación entre o teatro e a lingua é responsable maior Roberto Vidal Bolaño, cuxa importancia histórica é semellante á dos nosos poetas do Rexurdimento coma Curros, Rosalía ou Pondal.
Non foi o del un labor realizado en solitario, nin é o primeiro autor de textos teatrais en galego, pero o seu traballo de máis de trinta anos moi frutíferos fixo posible que a dramaturxia galega sexa tamén, coma a literatura, territorio independente.
 

 En 1974 entra a traballar nunha oficina bancaria de Compostela, pero xa dá pasos cara á súa profesionalización no teatro. Crea con Xaquín García Marcos o grupo de teatro Antroido e dirixe en 1975 o espectáculo Amor e crimes de Xan o Panteira, de Eduardo Blanco-Amor, no que participa tamén como actor.
Un ano despois, chega Laudamuco, señor de ningures, aquela reflexión sobre as formas do poder tan próxima ao esperpento, que recibirá o Premio Abrente. A peza publicarase en 1977, canda as Ledaíñas pola morte do Meco.

En 1976, casa con Laura Ponte, unha das nosas máis grandes actrices. Roberto Vidal Bolaño vive unha fase dunha intensa actividade teatral e creativa. Son os primeiros anos dun teatro galego nos que Vidal Bolaño é figura dinamizadora e protagonista das montaxes máis sobranceiras como director, como dramaturgo e tamén como actor.

Pero entre o ano en que se crea o grupo Antroido e o da creación do Centro Dramático Galego (1984), hai unha manchea de obras que lle dan corpo á nosa dramaturxia e empezan a facer posible que hoxe poidamos falar dunha literatura dramática plenamente activa no campo literario galego.

  

En 1977, Roberto Vidal Bolaño é despedido da entidade bancaria na que traballaba. Esa incidencia laboral tamén determinará a intensidade e a insistencia da súa dedicación ao teatro. Memoria de mortos e ausentes (1978), Antroido na rúa (1978), Ruada das papas e do unto (1981), Touporroutou da lúa e do sol (1982) ou Romance dos figos de ouro (1983) son algúns dos seus espectáculos durante o dito período.



 
Neses anos destaca sobre todo a estrea, un 16 de maio de 1978, do citado Laudamuco, señor de ningures, no Colexio La Salle de Santiago, dirixido por Eduardo Alonso, no que Roberto é actor protagonista. E tamén a estrea en 1980 do seu texto Bailadela da morte ditosa, un espectáculo do Teatro do Estaribel con dirección de Eduardo Alonso, que recibiría ese mesmo ano o Premio Abrente.
 
 
En 1983, Roberto Vidal Bolaño regresa a unha das súas actividades recorrentes: a dramaturxia sobre textos doutros autores da literatura galega. Estrea en 1983 Percival e outras historias de X.L. Méndez Ferrín, producido por Teatro Antroido, no que participa ademais como actor protagonista e director. O Percival de Roberto Vidal Bolaño, un espectáculo multidisciplinar no que se combinan actores con bonecos e se acompaña con música e proxeccións, vai recadando un éxito notable en Galicia e fóra. Consegue un importante número de representacións e tamén recada polémica tanto pola súa proposta estética como pola súa liña política.
Roberto Vidal Bolaño nunca esquivou expresarse sen censuras, construíndo a súa arte coas ferramentas máis ousadas, en claro compromiso sempre con ela e mais coa realidade, cos pobres, cos derrotados e cos excluídos, fosen individuos, fosen pobos.
O mesmo ano da creación do Centro Dramático Galego, Roberto Vidal Bolaño escribe e dirixe Agasallo de sombras, unha visión desmitificadora e densa arredor de Rosalía de Castro e da súa relación con Manuel Murguía. A obra, poética, fermosa e dura a un tempo, é a segunda montaxe do CDG. E, curiosamente, o que debería de ser o inicio dunha colaboración estreita, continua e mutuamente enriquecedora entre o noso centro dramático nacional e o autor, director e actor, acabou por ser o principio dun período en que o dramaturgo sufriu certo distanciamento do ámbito teatral e participou máis continuadamente nalgunhas actividades da industria audiovisual.
A razón non foi unha escolla persoal de Vidal Bolaño, senón a consecuencia dunha polémica que mantivo con representantes do poder político. Roberto Vidal Bolaño foi consecuentemente belixerante na defensa non só do teatro nacional senón do propio centro dramático, e iso custoulle verse apartado da posibilidade de seguir colaborando coa institución durante unha boa temporada. Foi vetado polo poder político. O seu Caprice des Dieux, un monólogo estreado en 1985, escrito e interpretado por el, é unha visión profundamente crítica do teatro galego e dos seus personaxes.


Esta experiencia convídao a tomar distancia respecto ao teatro institucional. Así, sen abandonar a escrita nin o espectáculo teatral, a súa participación en proxectos audiovisuais vai tomando máis corpo. E será no sector audiovisual no que atope, ata o ano 1991, en que obtén o Premio Álvaro Cunqueiro con Saxo Tenor, a súa principal fonte de ingresos.

No ano 1985, nace a Televisión de Galicia, e con ela empeza a andar o xermolo das primeiras industrias audiovisuais. Entre elas, a da dobraxe de películas ao galego. Roberto Vidal Bolaño participa como actor, director de sala e director artístico da produtora CTV-Galaxia.

 

Durante eses anos de traballo para a industria audiovisual, ensaiou a posibilidade de elaborar produtos que puidesen constituírse nun xermolo contemporáneo da industria cinematográfica, por iso proxectou diversas propostas de produción para a televisión pública. Así, contra 1987 escribe e dirixe Novo de Parmuíde, película baseada en relatos de Álvaro Cunqueiro. Pero tamén contribúe como actor noutros proxectos, como Sempre Xonxa (1989), de Chano Piñeiro, película fundacional do noso incipiente cinema nacional, ou como a serie emitida pola TVG Os outros feirantes (1989), baseada en textos da obra homónima de Álvaro Cunqueiro.
 Por esa época, comeza tamén a rodaxe do episodio piloto da serie Morosos Varios, que el mesmo escribe e dirixe.
 
Durante todos eses anos, desde a creación do CDG ata que funda en 1992 con Belén Quintáns a compañía Teatro do Aquí, o teatro non deixa nunca de estar na cerna das súas actividades creativas, pero inviste moitos esforzos en proxectos para un campo audiovisual galego que non quixo ver nel máis ca o excelente actor que tamén era.  Por iso, a participación do noso dramaturgo en producións audiovisuais foi máis importante como actor.

 Ata que no ano 2001 participa como guionista e como actor na miniserie Un Mundo de Historias, unha produción da TVG consistente na adaptación de relatos da nosa literatura. Roberto Vidal Bolaño encargouse da adaptación de "Cara de Lúa", de Ánxel Fole, e de "O noxo" de Eduardo Blanco-Amor.

Durante o seu período de maior actividade audiovisual, Roberto seguiu escribindo, dirixindo e producindo teatro. Cochos (1986) é talvez a súa peza máis salientable, aínda que tamén cómpre destacar a súa dirección da adaptación da Salomé de Oscar Wilde.


 
Roberto Vidal Bolaño sepárase de Laura Ponte no ano 1988. En 1992 volve casar, desta volta con Belén Quintáns, que sería a súa compañeira ata o derradeiro momento, non só no plano persoal, senón tamén no profesional. Con ela funda ese mesmo ano a compañía Teatro do Aquí, coa que Roberto Vidal Bolaño, con Belén como produtora, poñería en escena tal vez o máis poderoso da súa inxente produción dramática.
Un ano antes, en 1991, conseguía o Premio Álvaro Cunqueiro coa súa obra Saxo Tenor, unha peza dramática de clara raizame cinematográfica. Entre ese ano e o ano da súa morte, en 2002, Roberto, sen abandonar de todo a súa conexión co mundo audiovisual, sobre todo como actor e esporadicamente como guionista e director, reintégrase con plenitude ao campo teatral. Son, talvez, os seus anos máis produtivos, non só como dramaturgo, tamén como actor, director, iluminador, etc.
 

Dese mesmo ano 1992 é Días sen gloria, que obtén o Premio Rafael Dieste e queda finalista do Premio Nacional de Literatura. Tamén saen ás librerías algúns dos seus textos xa clásicos, como Bailadela da morte ditosa, Agasallo de sombras ou Cochos.


En 1993 dirixe para a súa compañía Saxo Tenor. O espectáculo é probablemente a primeira grande produción do teatro galego independente. O texto será publicado por Edicións Xerais de Galicia. Tamén estrea coa mesma compañía Días sen gloria, na que participa como protagonista.
En 1994, Roberto Vidal Bolaño recibe o primeiro premio do certame Camiño de Santiago de Teatro Profesional por unha obra que necesariamente ía levantar polémica: As actas escuras. Era o derradeiro decenio do século XX, pero preguntarse pola verdade e as súas formas, pola relación entre a relixión e a ciencia, pola razón e a fe, pola certeza dunha investigación ocorrida no século XIX arredor do que realmente garda a tumba do Apóstolo de Compostela tal vez non era a mellor maneira de gañar a aprobación do poder político.
As actas escuras sufriron un proceso que as condenou ao silencio. O texto non chegou á edición ata 1997, cando a AS-PG o publica nun volume colectivo. Máis tarde, xa falecido Roberto, o Concello de Santiago e A Nosa Terra farían unha fermosa edición conxunta con ilustracións de Pepe Carreiro. As actas escuras tampouco sairían ao escenario ata máis de quince anos despois, nun espectáculo para o CDG. Roberto non puido chegar á estrea.

 A literatura de Roberto Vidal Bolaño non deixou nunca de dar voltas iradas e críticas ao redor do poder e as súas múltiples formas. As actas escuras son un episodio máis desa brillante carreira literaria, nesta obra, Roberto Vidal Bolaño móstrase coma un dos escritores máis sobranceiros e profundo da nosa literatura.
 
Sería interminable unha relación exhaustiva de todos os seus textos, estreas, premios e galardóns diversos nos últimos dez anos da súa vida. Abonde con lembrar algunhas outras das pezas cimeiras da súa literatura, e da literatura galega, como Rastros, estreada en 1998, Doentes, Premio Rafael Dieste en 1997, Anxeliños (1997), Criaturas (2000), A burla do galo (2000), Mar revolto (2001) ou Sen ir máis lonxe, un monólogo estreado en 1999 e publicado en 2002 na revista A Trabe de Ouro, dirixida por X.L. Méndez Ferrín.

 Tamén deixou o seu labor como dramaturgo na adaptación e dirección dalgunhas obras doutros dos nosos autores senlleiros. Entre elas, cómpre destacar a súa montaxe do texto de Daniel Cortezón Xelmírez ou a gloria de Compostela (1999) e a Rosalía de Ramón Otero Pedrayo.

 Esta derradeira fase da súa vida foi tan prolixa en textos e montaxes teatrais coma en merecidos premios, non só como autor, senón tamén como actor, como director, como escenógrafo e mesmo como iluminador. Era o constante e merecido recoñecemento a unha figura capital do noso teatro e da nosa literatura.


No ano 2002, a compañía Teatro do Aquí estrea Animaliños, unha montaxe na que Vidal Bolaño non só achega o texto, senón tamén a dirección, o espazo escénico e a iluminación. É o seu derradeiro traballo dramático.
O 11 de setembro, pouco despois da publicación do monólogo Sen ir máis lonxe, a enfermidade levouno. Morreu en Compostela. Só tiña 52 anos, e deixaba unha obra tan intensa e xenial como numerosa, una gran obra dramática e un compromiso humano e vital inesquecible.





Resume do texto escrito por Antón Dobao para a Real Academia Galega

 

ORACIÓN AO APÓSTOLO

 
 
 
 
DEIXAMOS AQUÍ ENLACES QUE NOS PERMITEN
UNHA NOVA VISIÓN DE VIDAL BOLAÑO
PARA OS MÁIS PEQUENOS
(premer para abrir o enlace) 
 

 ESPIRITO VIDAL BOLAÑO 

VIDAL BOLAÑO POR NEN@S