domingo, 9 de febrero de 2014

CALENDARIO DO ENTROIDO


O Entroido, ou Carnaval é unha festa de carácter tradicional que se celebra entre os meses de febreiro e marzo, coincidindo co período inmediatamente anterior á Coresma.

Cando se celebra: 7ª, 6ª e 3 días da 5ª semana antes de Pascua de Resurrección.

O Entroido, ao variar conforme a Pascua e a Coresma, non ten datas fixas. O Martes de Entroido adoita coincidir en febreiro ou nos primeiros días de marzo, pero as celebracións relacionadas poden comezar xa en xaneiro.
As súas datas fundamentais, por orde, son:

·         Domingo fareleiro
·       Domingo oleiro
·         Xoves de compadres
·         Domingo corredoiro
·         Xoves de comadres
·         Domingo de entroido
·         Luns de entroido
·         Martes de entroido
·         Mércores de cinza
·         Domingo de piñata

DOMINGO FARELEIRO: Daba comezo ao  Entroido. Segundo as zonas recibía o nome de fareleiro, borralleiro ou das trapalladas, en función do que se botaba para emborrallar á xente: fariña, farelo, borralla, formigas…
DOMINGO OLEIRO: Segundo domingo do Entroido. Recibía este nome polo xogo das “olas” consistente en pasar estas potas de barro, con auga, viño ou fariña de uns a outros, todos colocados en círculo.O que lle caía tiña que convidar a unha rolda de viño.
XOVES DE COMPADRES : As mozas facían un boneco (compadre, reco, coresma ou lardeiro). É un moneco de palla que argallan as mozas e visten con traxe roubado a un mozo. Corren o boneco polas rúas, namentres os mozos pretenden arrincarllo das mans.

DOMINGO CORREDOIRO: Este domingo paseaban o burro , que o facian dous mozos disfrazados. Eran guiados polo maragato, e recorrían as aldeas. Tamén se botaban todo tipo de cousas: fariña, formigas, ovos podres…Tamén se celebraba a corrida do galo, da que leva o nome.
 
XOVES DE COMADRES: O xoves de comadres son os mozos quen fan a lardeira co mesmo ritual de loita de sexos. Lardeiro e lardeira quéimanse públicamente.
DOMINGO DE ENTROIDO: Este día a laconada, a cacheira do porco, os chourizos, xunto con filloas e orellas son os protagonistas das nosas mesas, e motivo de xuntanza familiar. A xente se disfraza e os disfraces levan variados nomes: máscaras, entroidos, mecos, cigarróns, felos, piliqueiros, murrieiros, choqueiros, charrúas, mulas, morenas, vellos, muradanas, maragatos....A personaxe alegórico das festas é o Entroido ou Meco.
MARTES DE ENTROIDO: O día grande xunto co domingo , no que teñen lugar as cabalgatas, bailes e festa rachada. Neses días todo o mundo sae ás rúas disfrazados.
MÉRCORES DE CINZA: É o final do Entroido e o principio da Coresma. Ten lugar o tradicional enterro da sardiña ou do meco, no que despois dunha procesión satírica queimase o boneco que representa o Carnaval.
DOMINGO DE PIÑATA: Celebración especialmente urbana, que ten lugar o domingo seguinte (xa Coresma), e que recibe ese nome polo costume de romper unha piñata cun pau e cos ollos tapados.