Houbo un tempo
en que foi tradición habitual ir cantar polas casas nestas festas de Nadal.
Grupos de
mozos e mozas percorrían a parroquia cantando panxoliñas, cantos de
Nadal ou cantares de Reis. A cambio, pedían o aguinaldo, xeralmente
en especie (viño, chourizos, touciño, doces, etc...) que logo consumirían todos
xuntos facendo unha festa ou foliada. En Noite Boa, á saída da Misa do Galo, os mozos percorrían a aldea
cantando "panxoliñas" ou "nadais" e pedindo o
aguinaldo. O día de Nadal facían outro tanto. Na Noite Vella saíase a cantar polas casas os "manueis",
as "xaneiras" e "aninovos" e a véspera de
Reis os "cantares de reis" ou "aguinaldos". Os temas das cancións
estaban relacionadas co Nadal, aínda que non era estraño incluír algunha
loubanza á casa para a que se estaba a cantar en cada momento para así conmover
a xenerosidade do doador. No caso de que a persoa homenaxeada co cantar non
colaborase, existían composicións que facían saber á veciñanza quen estaba menos disposto a compartir os seus
alimentos.
Os cantos de Reis soen comenzar con
unhas estrofas de presentación dos "reiseiros" nas que se pedía
permiso ou licenza para cantar na casa. A continuación viña o propio canto de
Reis e adoitaba acabar con unha estrofa de loubanza ós da casa onde se cantaba
en caso de obter un aguinaldo xeneroso, ou unha estrofa ferinte si o aguinaldo
non era o desexado.
De seguido tocábase
unha xota ou unha muiñeira e convidábase aos da casa a danzar.
Os cantares interpretábanse
en cuadrillas, con variedade de
compoñentes e de instrumentos, ou en xugadas.
Estas formacións compóñense dun gaiteiro e de un ou varios cantores que van ao
seu carón e incorporan ocasionalmente percusión e instrumentos varios, sobre
todo os denominados humildes (botellas de anís, cunchas, paus, piñas,...)
A temática dos cantos
adoita xirar arredor da visita dos Reis a Cristo, ou do peregrinar de Xosé e de
María na busca dun lugar onde parir.
Pola zona sur da provincia de Pontevedra, conservan a súa
propia tradición de cantos de Nadal. Os
Ranchos de Reis e as Rondallas son típicas de esta comarca.
Das Rondallas xa hai constancia documentada
desde 1920. Hainas en Redondela, Vigo, Mos, Porriño e Ponteareas.
Os maiores din que,
logo de ir á leira, collían os instrumentos que había na casa, moitas veces
feitos a man, e logo ían de pasarrúas polos barrios, executando, con
instrumentos tradicionais, pezas do folclore coma muiñeiros, fandangos ou
pasodobres.
Os grupos contan coa
peculiaridade de que todos os seus membros van ataviados con capas e boinas e
que desfilan detrás dos abandeirados que portan un emblema co nome da rondalla.
Os Ranchos de Reis son típicos de
Redondela, Ponteareas, Mondariz, Salceda de Caselase outras localidades da comarca do Condado.
Saen o 6 de xaneiro e
percorren as rúas entoando cantigas ao ritmo das pandeiretas e outros
instrumentos que acompañan as danzas. Son "danzas brancas" pola
preeminencia desta cor na vestimenta dos danzantes. As danzas que se executan
son xeralmente de paus, arcos, cintas e castañolas.
Hoxe, moitas das
antigas tradicións e dos antigos ritos perdéronse e outras van camiño de
esmorecer, pero aínda hai xente que se resiste a perder a nosa identidade como
pobo e mantén viva a nosa cultura popular.
Hai anos os castiñeiros eran abundantes na nosa terra e daban moitas castañas, que eran recollidas en sacos e levadas para as casas.
O castiñeiro non dá máis traballo que o de sacarlle alguna póla seca, xa que el mesmo se esterca coa folla que lle cae no outono.
A finais de outubro ou primeiros de novembro as castañas empezan a caer dos ourizos; as primeiras son "as do angazo", que se recollen con este trebello e se traen para casa en cestas e en sacos.
Despois os castiñeiros varéanse coa baloira para ir guindando os ourizos ó chan.
Amoréanse ou bótanse na ouriceira para que se murche o ourizo e abra, sacando entón as castañas co angazo.
Orizada-las castañas, lévanse para a casa e as que non se consumen meses días van ao canizo para secaren.
Nas zonas que dan moitas castañas constrúense sequeiros, edificios que teñen un andar coas táboas do chan lixeiramente separadas unas das outras e cheas de buratos; alí bótanse as castañas, coidando de remexelas de cando en vez. No andar de abaixo, cun piso de terra, acéndese lume e o fume pasa ao primeiro andar por entre as castañas e vainas secando. Estes sequeiros tamén teñen polo xeral una tarima para durmir o que está ao coidado das castañas.
Unha vez secas, bótanse no canizo, de onde se van collendo conforme se precisan, ou se lles tira a casca e gárdanse en sacos ou arcas. Logo, cando convén, apártanse as precisas para o consumo e as outras véndense na feria. Nalgunhas comarcas, a mais do consumo humano, tamén se usan para comida do gando.
Neste curso imos traballar a tradición oral do noso idioma por medio da música popular e as nosas cancións.
Cada mes aprenderemos una cantiga nova para cantala despois no colexio.
Aquí deixamos a letra e a música das cantigas de setembro e outubro.
Esperamos que vos gusten e animamos a todos/as a apredendelas para que non se perdan.
A CANTIGA DO MES: SETEMBRO
A VIRXE DE GUADALUPE
Ondiñas veñen,
ondiñas veñen,
ondiñas veñen, e van,
non te embarques rianxeira
que te vas marear. (BIS)
A virxe de Guadalupe,
cando veu para Rianxo, (BIS)
a barquiña que a leva
era de pau de laranxo. (BIS)
Ondiñas veñen,… (BIS)
A virxe de Guadalupe
cando vai pola ribeira, (BIS)
descalciña pola area,
parece una rianxeira. (BIS)
Ondiñas veñen,… (BIS)
A CANTIGA DO MES: OUTUBRO
A SAIA DE CAROLINA
A saia de Carolina
ten un lagarto pintado,
cando a Carolina baila,
o lagarto dalle ó rabo
Bailaches Carolina?
Bailei, si señor.
Dime con quen bailaches?.
Bailei co meu amor
Bailei co meu amor.
Bailei co meu amor.
Bailaches Carolina?.
Bailei, si señor.
A Carolina é unha tola
que todo o fai ó revés;
vístese pola cabeza
e íspese polos pés.
Bailaches Carolina?
Bailei no cuartel.
Dime con quen bailaches?.
Bailei co coronel.
Bailei co coronel.
Bailei co coronel
Bailaches Carolina?.
Bailei no cuartel.
O señor cura non baila
porque ten unha coroa.
Baile, señor cura, baile,
que Deus todo llo perdoa.
Bailaches Carolina?
Bailei, abofé.
Dime con quen bailaches?.
Bailei co meu Xosé
Bailei co meu Xosé
Bailei co meu Xosé
Bailaches Carolina?.
Bailei, abofé.
martes, 24 de septiembre de 2013
BENVIDOS AO CURSO 2013 - 2014
Ola de novo a tod@s! Desexarvos un bo curso. Como en anos anteriores, faremos moitas cousas e iremos engadindo entradas no blogue cos vosos traballos. Dentro de moi pouco teredes sorpresas que vos estamos preparando. COMEZAMOS A VIAXE...
aquí vos deixamos a versión dixital da nosa revista: (Premer nela para entrar)
(Tamén se pode descargar en versión PDF
na páxina web do noso centro)
Como agasallo ao remate do curso deixamos unha páxina web donde podedes atopar todas as publicacións dixitais dos últimos dous cursos: www.issuu.com/dinalingualope
Moitas grazas a todos e todas pola vosa colaboración!
O día 17 de maio é o día das Letras Galegas e tódolos anos está dedicado a un escritor ou escritora distinto.
Esté ano o escritor homenaxeado é Roberto Vidal Bolaño: escritor de teatro, actor,....
O telexornal do CPI de Rois ofrecenos a información sobre este dramaturgo:
BIOGRAFÍA E OBRA:
Roberto Vidal Bolaño naceu en
Santiago de Compostela o mesmo ano en que morreu Castelao en Buenos Aires e alí fixo os seus primeiros estudos.
Estreou a súa primeira peza teatral en
1965, cando só tiña quince anos.
Desde moi novo, con apenas doce anos, comeza a traballar como
administrativo nunha empresa de recambios de coches, ata que lle toca ir a
Ceuta para facer o servizo militar.
Entre os anos 1971 e
1973, coñece oficios que van desde os ultramarinos ou o automóbil ata unha
axencia de viaxes. Mais as ataduras laboráis non evitan a súa necesidade de
formación e enriquecemento artístico e cultural.
A narración de historias con
personaxes en movemento que se exhiben en toda a súa complexidade ante os ollos
de todos parece fascinalo especialmente. O mundo do cine e o das representacións teatrais,
manterano sometido ás súas luces e aos seus modos narrativos para sempre.
A súa formación intelectual íase
configurando tamén nos estudos que en horario nocturno
seguía no Instituto Xelmírez, coa intención de conseguir o título de
bacharelato elemental para poder matricularse na Escola Oficial de Cine de
Madrid.
Foi un proxecto truncado, pois uns anos despois, cando estaba disposto
a ingresar na Escola, esta pechou. Non lle quedou máis remedio que ir
adquirindo a súa formación cinematográfica a base de ver moito bo cine e tamén de tomar clases
prácticas dos mellores mestres posibles.
No ano 1964 asiste ás sesións do cineclub da Asociación
Fotográfica Compostelana, onde toda a súa intuición narrativa e dramática se
alicerza xa cun coñecemento máis directo dos grandes mestres do cinema
universal. Toda esta amálgama de coñecementos e experiencias debuxa unha
pegada resistente en cada un dos textos que Roberto Vidal Bolaño nos deixou.
Nada do seu teatro se entendería sen o seu amor polo cine. Roberto sempre
recoñeceu que en realidade o seu desexo era ser director, pero a ausencia dunha
industria audiovisual fixo imposible isto.
A súa condición de asalariado e de
home en proceso de formación relaciónao, sendo aínda un neno, coas Xuventudes
Obreiras Cristiás que constituíron a sua porta de acceso á militancia
sindical e política antifranquista.
Precisamente, a súa primeira peza teatral,O
Xogadeiro, estréaa Roberto Vidal Bolaño no colexio Placeres de Marín,
durante a celebración do Día do Aprendiz programado por esta organización
obreira.
Comeza así a historia do autor máis prolífico
da nosa literatura, do dramaturgo esencial do noso teatro, do cineasta que
dirixiu teatro porque non puido facer cine.
No ano 1971, entra en contacto có Equipo Lupa donde
Vidal Bolaño atopa formas do teatro popular, o que lle permite adquirir un gran coñecemento da cultura popular galega e das
súas representacións parateatrais. Tamén lle serve para para tomar contacto
con dramaturgos como Bertolt Brecht, por quen sempre sentirá unha admiración
especial que o levará mesmo a armar a súa Ópera
de a patacón (1994).
Sempre que puido, participou en
proxectos audiovisuais, ben como actor, ben como guionista, ben como creador, e
esa era a súa forma de satisfacer a necesidade dun audiovisual
galego, dun Cine Nacional que nos servise como expresión cultural.
Son moitos
os proxectos que Roberto Vidal Bolaño transfigurou en linguaxe audiovisual. A
maior parte deles non puideron cristalizar. Ninguén, quitada algunha excepción, recorreu a el como guionista nin
como director. A
subalternidade audiovisual galega e o seu sometemento ao mercado impediron que
Roberto Vidal Bolaño lle ofrecese a un Cinema Nacional o que lle ofreceu ao
teatro e á literatura dramática.
A lingua galega non foi protagonista do campo audiovisual
como o foi e o será do teatro e a literatura. E da relación entre o teatro e a
lingua é responsable maior Roberto Vidal Bolaño, cuxa importancia histórica é
semellante á dos nosos poetas do Rexurdimento coma Curros, Rosalía ou Pondal.
Non foi o del un labor realizado en solitario, nin é o
primeiro autor de textos teatrais en galego, pero o seu traballo de máis de
trinta anos moi frutíferos fixo posible que a dramaturxia galega sexa tamén,
coma a literatura, territorio independente.
En 1974 entra a traballar nunha
oficina bancaria de Compostela, pero xa dá pasos cara á súa profesionalización
no teatro. Crea con Xaquín García Marcos o grupo de teatro Antroido e dirixe en
1975 o espectáculo Amor e crimes de Xan o
Panteira, de Eduardo Blanco-Amor, no que participa tamén como actor.
Un ano
despois, chega Laudamuco, señor de
ningures, aquela reflexión sobre as formas do poder tan próxima ao
esperpento, que recibirá o Premio Abrente. A peza publicarase en 1977, canda as
Ledaíñas pola morte do Meco.
En 1976, casa con Laura Ponte, unha
das nosas máis grandes actrices. Roberto Vidal Bolaño vive unha fase dunha
intensa actividade teatral e creativa. Son os primeiros anos dun teatro galego nos que Vidal Bolaño é figura dinamizadora e
protagonista das montaxes máis sobranceiras como director, como dramaturgo e
tamén como actor.
Pero entre o ano en
que se crea o grupo Antroido e o da creación do Centro Dramático Galego (1984), hai unha manchea de obras que lle
dan corpo á nosa dramaturxia e empezan a facer posible que hoxe poidamos falar
dunha literatura dramática plenamente activa no campo literario galego.
En 1977, Roberto Vidal Bolaño é
despedido da entidade bancaria na que traballaba. Esa incidencia laboral tamén
determinará a intensidade e a insistencia da súa dedicación ao teatro. Memoria de mortos e ausentes (1978), Antroido na rúa (1978), Ruada das papas e do unto (1981), Touporroutou da lúa e do sol (1982) ou Romance dos figos de ouro (1983) son
algúns dos seus espectáculos durante o dito período.
Neses anos destaca
sobre todo a estrea, un 16 de maio de 1978, do citado Laudamuco, señor de ningures, no Colexio La Salle de Santiago, dirixido por Eduardo Alonso, no que Roberto é actor protagonista. E
tamén a estrea en 1980 do seu texto Bailadela
da morte ditosa, un espectáculo do Teatro do Estaribel con dirección de
Eduardo Alonso, que recibiría ese mesmo ano o Premio Abrente.
En 1983, Roberto Vidal Bolaño
regresa a unha das súas actividades recorrentes: a dramaturxia sobre textos
doutros autores da literatura galega. Estrea en 1983 Percival e outras historias de X.L. Méndez Ferrín, producido por Teatro Antroido, no que participa ademais
como actor protagonista e director. O Percival
de Roberto Vidal Bolaño, un espectáculo multidisciplinar no que se combinan
actores con bonecos e se acompaña con música e proxeccións, vai recadando un
éxito notable en Galicia e fóra. Consegue un importante número de
representacións e tamén recada polémica tanto pola súa
proposta estética como pola súa liña política.
Roberto Vidal Bolaño nunca esquivou expresarse
sen censuras, construíndo a súa arte coas ferramentas máis ousadas, en claro
compromiso sempre con ela e mais coa realidade, cos pobres, cos derrotados e
cos excluídos, fosen individuos, fosen pobos.
O mesmo ano da creación do Centro
Dramático Galego, Roberto Vidal Bolaño escribe e dirixe Agasallo de sombras, unha visión desmitificadora e densa arredor de
Rosalía de Castro e da súa relación con Manuel Murguía. A obra, poética,
fermosa e dura a un tempo, é a segunda montaxe do CDG. E, curiosamente, o que
debería de ser o inicio dunha colaboración estreita, continua e mutuamente
enriquecedora entre o noso centro dramático nacional e o autor, director e
actor, acabou por ser o principio dun
período en que o dramaturgo sufriu certo distanciamento do ámbito teatral e
participou máis continuadamente nalgunhas actividades da industria audiovisual.
A razón non foi unha escolla persoal de Vidal Bolaño, senón a consecuencia
dunha polémica que mantivo con representantes do poder político. Roberto Vidal Bolaño foi consecuentemente belixerante na
defensa non só do teatro nacional senón do propio centro dramático, e iso
custoulle verse apartado da posibilidade de seguir colaborando coa institución
durante unha boa temporada. Foi vetado polo poder político. O seu Caprice
des Dieux, un monólogo estreado en 1985, escrito e interpretado por el, é
unha visión profundamente crítica do teatro galego e dos seus personaxes.
Esta experiencia convídao a tomar distancia respecto ao teatro institucional. Así, sen abandonar a escrita nin o espectáculo teatral, a súa
participación en proxectos audiovisuais vai tomando máis corpo. E será no
sector audiovisual no que atope, ata o ano 1991, en que obtén o Premio
Álvaro Cunqueiro con Saxo Tenor, a
súa principal fonte de ingresos.
No ano 1985, nace a Televisión de Galicia, e con ela empeza a andar o xermolo
das primeiras industrias audiovisuais. Entre elas, a da dobraxe de películas ao
galego. Roberto Vidal Bolaño participa como actor, director de sala e director
artístico da produtora CTV-Galaxia.
Durante eses anos de traballo para a industria audiovisual, ensaiou a
posibilidade de elaborar produtos que puidesen constituírse nun xermolo
contemporáneo da industria cinematográfica, por iso proxectou
diversas propostas de produción para a televisión pública. Así, contra 1987
escribe e dirixe Novo de Parmuíde,
película baseada en relatos de Álvaro Cunqueiro. Pero tamén
contribúe como actor noutros proxectos, como Sempre Xonxa (1989), de Chano Piñeiro, película fundacional do noso
incipiente cinema nacional, ou como a serie emitida pola TVG Os outros feirantes (1989), baseada en textos da obra homónima de Álvaro Cunqueiro.
Por esa
época, comeza tamén a rodaxe do episodio piloto da serie Morosos Varios, que el mesmo escribe e dirixe. Durante todos eses anos, desde a creación do CDG ata que funda en 1992 con
Belén Quintáns a compañía Teatro do Aquí, o teatro non deixa nunca de estar na
cerna das súas actividades creativas, pero inviste moitos esforzos en proxectos para un campo audiovisual galego que non
quixo ver nel máis ca o excelente actor que tamén era. Por iso, a participación do noso dramaturgo en producións
audiovisuais foi máis importante como actor.
Ata que no ano 2001
participa como guionista e como actor na miniserie Un Mundo de Historias, unha produción da TVG consistente na
adaptación de relatos da nosa literatura. Roberto Vidal Bolaño encargouse da
adaptación de "Cara de Lúa", de Ánxel Fole, e de "O noxo"
de Eduardo Blanco-Amor.
Durante o seu período de maior actividade audiovisual, Roberto seguiu
escribindo, dirixindo e producindo teatro.Cochos
(1986) é talvez a súa peza máis salientable, aínda que tamén cómpre destacar a
súa dirección da adaptación da Salomé de Oscar Wilde.
Roberto Vidal Bolaño sepárase de Laura Ponte no ano 1988. En
1992 volve casar, desta volta con Belén Quintáns, que sería a súa compañeira ata o derradeiro momento, non só no plano
persoal, senón tamén no profesional. Con ela funda ese mesmo ano a compañía
Teatro do Aquí, coa que Roberto Vidal Bolaño, con Belén como produtora, poñería
en escena tal vez o máis poderoso da súa inxente produción dramática.
Un ano
antes, en 1991, conseguía o Premio Álvaro Cunqueiro coa súa obra Saxo Tenor, unha peza dramática de clara
raizame cinematográfica. Entre ese ano e o ano da súa morte, en 2002, Roberto,
sen abandonar de todo a súa conexión co mundo audiovisual, sobre todo como
actor e esporadicamente como guionista e director, reintégrase con plenitude ao
campo teatral. Son, talvez, os seus anos máis produtivos, non só como
dramaturgo, tamén como actor, director, iluminador, etc.
Dese mesmo ano 1992 é Días sen gloria,
que obtén o Premio Rafael Dieste e queda finalista do Premio Nacional de Literatura.
Tamén saen ás librerías algúns dos seus textos xa clásicos, como Bailadela da morte ditosa, Agasallo de sombras ou Cochos.
En 1993 dirixe para a súa
compañía Saxo Tenor. O espectáculo é
probablemente a primeira grande produción do teatro galego independente. O
texto será publicado por Edicións Xerais de Galicia. Tamén estrea coa mesma
compañíaDías sen gloria, na que participa como protagonista.
En 1994, Roberto Vidal Bolaño recibe o primeiro premio do certame Camiño de Santiago
de Teatro Profesional por unha obra que necesariamente ía levantar polémica: As actas escuras. Era o derradeiro
decenio do século XX, pero preguntarse pola verdade e as súas formas, pola
relación entre a relixión e a ciencia, pola razón e a fe, pola certeza dunha
investigación ocorrida no século XIX arredor do que realmente garda a tumba do
Apóstolo de Compostela tal vez non era a mellor maneira de gañar a aprobación do
poder político.
As actas escurassufriron un proceso que as condenou ao silencio. O texto non chegou á edición ata 1997, cando
a AS-PG o publica nun volume colectivo. Máis tarde, xa falecido Roberto, o Concello de
Santiago e A Nosa Terra farían unha
fermosa edición conxunta con ilustracións de Pepe Carreiro. As actas escuras tampouco sairían ao
escenario ata máis de quince anos despois, nun espectáculo para o CDG. Roberto non puido chegar á estrea.
A literatura de Roberto
Vidal Bolaño non deixou nunca de dar voltas iradas e críticas ao redor do poder
e as súas múltiples formas. As actas escuras son un episodio máis desa brillante carreira
literaria, nesta obra, Roberto Vidal Bolaño móstrase coma un dos escritores máis
sobranceiros e profundo da nosa literatura.
Sería interminable unha relación exhaustiva de todos os seus textos, estreas,
premios e galardóns diversos nos últimos dez anos da súa vida. Abonde con
lembrar algunhas outras das pezas cimeiras da súa literatura, e da literatura
galega, como Rastros, estreada en
1998, Doentes, Premio Rafael Dieste
en 1997,Anxeliños (1997),Criaturas (2000), A burla do galo (2000), Mar
revolto (2001) ou Sen ir máis lonxe,
un monólogo estreado en 1999 e publicado en 2002 na revista A Trabe de Ouro, dirixida por X.L.
Méndez Ferrín.
Tamén deixou o seu labor como dramaturgo na adaptación e
dirección dalgunhas obras doutros dos nosos autores senlleiros. Entre elas,
cómpre destacar a súa montaxe do texto de Daniel Cortezón Xelmírez ou a gloria de Compostela (1999) e a Rosalía de Ramón Otero Pedrayo.
Esta derradeira fase da
súa vida foi tan prolixa en textos e montaxes teatrais coma en merecidos
premios, non só como autor, senón tamén como actor, como director, como
escenógrafo e mesmo como iluminador. Era o constante e merecido recoñecemento a
unha figura capital do noso teatro e da nosa literatura.
No ano 2002, a compañía Teatro do Aquí estrea Animaliños, unha montaxe na que Vidal Bolaño non só achega o texto,
senón tamén a dirección, o espazo escénico e a iluminación. É o seu derradeiro
traballo dramático.
O 11 de setembro, pouco despois da publicación do monólogo Sen ir máis lonxe, a enfermidade levouno. Morreu
en Compostela. Só tiña 52 anos, e deixaba
unha obra tan intensa e xenial como numerosa, una gran obra dramática e un compromiso humano e vital inesquecible.