domingo, 24 de noviembre de 2013

TRADICIÓNS DE NADAL

Cantares de Nadal e Reis
 

Houbo un tempo en que foi tradición habitual ir cantar polas casas nestas festas de Nadal.
Grupos de mozos e mozas percorrían a parroquia cantando panxoliñas, cantos de Nadal ou cantares de Reis. A cambio, pedían o aguinaldo, xeralmente en especie (viño, chourizos, touciño, doces, etc...) que logo consumirían todos xuntos facendo unha festa ou foliada.
En Noite Boa, á saída da Misa do Galo, os mozos percorrían a aldea cantando "panxoliñas" ou "nadais" e pedindo o aguinaldo. O día de Nadal facían outro tanto.
Na Noite Vella saíase a cantar polas casas os "manueis", as "xaneiras" e "aninovos" e a véspera de Reis os "cantares de reis" ou "aguinaldos".
Os temas das cancións estaban relacionadas co Nadal, aínda que non era estraño incluír algunha loubanza á casa para a que se estaba a cantar en cada momento para así conmover a xenerosidade do doador. No caso de que a persoa homenaxeada co cantar non colaborase, existían composicións que facían saber á veciñanza  quen estaba menos disposto a compartir os seus alimentos.
Os cantos de Reis soen comenzar con unhas estrofas de presentación dos "reiseiros" nas que se pedía permiso ou licenza para cantar na casa. A continuación viña o propio canto de Reis e adoitaba acabar con unha estrofa de loubanza ós da casa onde se cantaba en caso de obter un aguinaldo xeneroso, ou unha estrofa ferinte si o aguinaldo non era o desexado.
De seguido tocábase unha xota ou unha muiñeira e convidábase aos da casa a danzar.
Os cantares interpretábanse en cuadrillas, con variedade de compoñentes e de instrumentos, ou en xugadas. Estas formacións compóñense dun gaiteiro e de un ou varios cantores que van ao seu carón e incorporan ocasionalmente percusión e instrumentos varios, sobre todo os denominados humildes (botellas de anís, cunchas, paus, piñas,...)
A temática dos cantos adoita xirar arredor da visita dos Reis a Cristo, ou do peregrinar de Xosé e de María na busca dun lugar onde parir.
Pola zona sur da provincia de Pontevedra, conservan a súa propia tradición de cantos de Nadal. Os Ranchos de Reis e as Rondallas son típicas de esta comarca.
Das Rondallas xa hai constancia documentada desde 1920. Hainas en Redondela, Vigo, Mos, Porriño e Ponteareas.

 

Os maiores din que, logo de ir á leira, collían os instrumentos que había na casa, moitas veces feitos a man, e logo ían de pasarrúas polos barrios, executando, con instrumentos tradicionais, pezas do folclore coma muiñeiros, fandangos ou pasodobres.
Os grupos contan coa peculiaridade de que todos os seus membros van ataviados con capas e boinas e que desfilan detrás dos abandeirados que portan un emblema co nome da rondalla.
Os Ranchos de Reis son típicos de Redondela, Ponteareas, Mondariz, Salceda de Caselas  e outras localidades da comarca do Condado.
 
Saen o 6 de xaneiro e percorren as rúas entoando cantigas ao ritmo das pandeiretas e outros instrumentos que acompañan as danzas. Son "danzas brancas" pola preeminencia desta cor na vestimenta dos danzantes. As danzas que se executan son xeralmente de paus, arcos, cintas e castañolas.
 
Hoxe, moitas das antigas tradicións e dos antigos ritos perdéronse e outras van camiño de esmorecer, pero aínda hai xente que se resiste a perder a nosa identidade como pobo e mantén viva a nosa cultura popular.
 
 
 
 
 
 
 

 

 


No hay comentarios:

Publicar un comentario