domingo, 24 de noviembre de 2013

TRADICIÓNS DE NADAL

Cantares de Nadal e Reis
 

Houbo un tempo en que foi tradición habitual ir cantar polas casas nestas festas de Nadal.
Grupos de mozos e mozas percorrían a parroquia cantando panxoliñas, cantos de Nadal ou cantares de Reis. A cambio, pedían o aguinaldo, xeralmente en especie (viño, chourizos, touciño, doces, etc...) que logo consumirían todos xuntos facendo unha festa ou foliada.
En Noite Boa, á saída da Misa do Galo, os mozos percorrían a aldea cantando "panxoliñas" ou "nadais" e pedindo o aguinaldo. O día de Nadal facían outro tanto.
Na Noite Vella saíase a cantar polas casas os "manueis", as "xaneiras" e "aninovos" e a véspera de Reis os "cantares de reis" ou "aguinaldos".
Os temas das cancións estaban relacionadas co Nadal, aínda que non era estraño incluír algunha loubanza á casa para a que se estaba a cantar en cada momento para así conmover a xenerosidade do doador. No caso de que a persoa homenaxeada co cantar non colaborase, existían composicións que facían saber á veciñanza  quen estaba menos disposto a compartir os seus alimentos.
Os cantos de Reis soen comenzar con unhas estrofas de presentación dos "reiseiros" nas que se pedía permiso ou licenza para cantar na casa. A continuación viña o propio canto de Reis e adoitaba acabar con unha estrofa de loubanza ós da casa onde se cantaba en caso de obter un aguinaldo xeneroso, ou unha estrofa ferinte si o aguinaldo non era o desexado.
De seguido tocábase unha xota ou unha muiñeira e convidábase aos da casa a danzar.
Os cantares interpretábanse en cuadrillas, con variedade de compoñentes e de instrumentos, ou en xugadas. Estas formacións compóñense dun gaiteiro e de un ou varios cantores que van ao seu carón e incorporan ocasionalmente percusión e instrumentos varios, sobre todo os denominados humildes (botellas de anís, cunchas, paus, piñas,...)
A temática dos cantos adoita xirar arredor da visita dos Reis a Cristo, ou do peregrinar de Xosé e de María na busca dun lugar onde parir.
Pola zona sur da provincia de Pontevedra, conservan a súa propia tradición de cantos de Nadal. Os Ranchos de Reis e as Rondallas son típicas de esta comarca.
Das Rondallas xa hai constancia documentada desde 1920. Hainas en Redondela, Vigo, Mos, Porriño e Ponteareas.

 

Os maiores din que, logo de ir á leira, collían os instrumentos que había na casa, moitas veces feitos a man, e logo ían de pasarrúas polos barrios, executando, con instrumentos tradicionais, pezas do folclore coma muiñeiros, fandangos ou pasodobres.
Os grupos contan coa peculiaridade de que todos os seus membros van ataviados con capas e boinas e que desfilan detrás dos abandeirados que portan un emblema co nome da rondalla.
Os Ranchos de Reis son típicos de Redondela, Ponteareas, Mondariz, Salceda de Caselas  e outras localidades da comarca do Condado.
 
Saen o 6 de xaneiro e percorren as rúas entoando cantigas ao ritmo das pandeiretas e outros instrumentos que acompañan as danzas. Son "danzas brancas" pola preeminencia desta cor na vestimenta dos danzantes. As danzas que se executan son xeralmente de paus, arcos, cintas e castañolas.
 
Hoxe, moitas das antigas tradicións e dos antigos ritos perdéronse e outras van camiño de esmorecer, pero aínda hai xente que se resiste a perder a nosa identidade como pobo e mantén viva a nosa cultura popular.
 
 
 
 
 
 
 

 

 


CANTIGA DE NADAL

Xa estamos moi perto do Nadal!

Aquí temos una cantiga tradicional para aprender e poder cantala nas festas!



 

DESPEDIDA DE ANO VELLO
Despedida de Ano Vello,
entradiña de Aninovo,
os señores de esta casa
mais conten con grande gozo,
mais conten con grande gozo
ai lalelo, ai lalalo

Vivan os nenos do Lope,
que viñeron a tocar
ao neno recén nacido
entre as pallas do Portal (BIS)
 
Ano Novo, vida nova
Ano Novo que traerás,
o vello suspiros leva,
o novo xa os traerá,
o novo xa os traerá
ai lalelo, ai lalalo

 Ano de festas que naces,
o pasado xa pasou,
a primavera enverdece
o xardín que se marchou,
o xardín que se marchou
ai lalelo, ai lalalo
 
Vivan os nenos do Lope........
 
Ano Novo, vida nova
Ano Novo que traerás,
o vello suspiros leva,
o novo xa os traerá,
o novo xa os traerá
ai lalelo, ai lalalo









domingo, 10 de noviembre de 2013

MAGOSTO 2013

A COLLEITA DAS CASTAÑAS

 
Hai anos os castiñeiros eran abundantes na nosa terra e daban moitas castañas, que eran recollidas en sacos e levadas para as casas.
O castiñeiro non dá máis traballo que o de sacarlle alguna póla seca, xa que el mesmo se esterca coa folla que lle cae no outono.
A finais de outubro ou primeiros de novembro as castañas empezan a caer dos ourizos; as primeiras son "as do angazo", que se recollen con este trebello e  se traen para casa en cestas e en sacos.
Despois os castiñeiros varéanse coa baloira para ir guindando os ourizos ó chan.
Amoréanse ou bótanse na ouriceira para que se murche o ourizo e abra, sacando entón as castañas co angazo.
Orizada-las castañas, lévanse para a casa e as que non se consumen meses días van ao canizo para secaren.
Nas zonas que dan moitas castañas constrúense sequeiros, edificios que teñen un andar coas táboas do chan lixeiramente separadas unas das outras e cheas de buratos; alí bótanse as castañas, coidando de remexelas de cando en vez. No andar de abaixo, cun piso de terra, acéndese lume e o fume pasa ao primeiro andar por entre as castañas e vainas secando. Estes sequeiros tamén teñen polo xeral una tarima para durmir o que está  ao coidado das castañas.
Unha vez secas, bótanse no canizo, de onde se van collendo conforme se precisan, ou se lles tira a casca e gárdanse en sacos ou arcas. Logo, cando convén, apártanse as precisas para o consumo e as outras véndense na feria. Nalgunhas comarcas, a mais do consumo humano, tamén se usan para comida do gando.
 
 
 
 
 

miércoles, 6 de noviembre de 2013

SAMAÍN 2013

Este ano celebramos a festa do SAMAÍN con una mostra de CONTOS DE MEDO:
 



 
 e moitos MONSTROS ARREPIANTES:
 
E aquí tedes una escolma dos mellores: