jueves, 10 de mayo de 2012

VALENTÍN PAZ ANDRADE


Este ano o Día das Letras Galegas está adicado a
VALENTÍN PAZ ANDRADE,
 xornalista, empresario, poeta, xurista, conferenciante, político....

A súa ampla produción sorpréndenos pola súa calidade, variedade e intereses.


BIOGRAFÍA

 





Valentín Paz Andrade naceu o 23 de abril de 1898 en Lérez (Pontevedra) e morreu en Vigo o 19 de maio de 1987. Está enterrado no seu Lérez natal. Escolarizouse en Pontevedra e posteriormente estudiou a carreira de Dereito en Santiago. foi sempre membro activo da vida universitaria. Nos seus tempos de estudiante inicia a súa aproximación ó galeguismo, guiado nos seus postulados teóricos polo feito que supuxo a creación das Irmandades da fala.

Aínda moi xove, Paz Andrade, evidencia un especial talento periodístico. Colabora en diferentes revistas como Grial, Outeiro ou O Ensino. Nos seus artigos aborda temas de lingua e literatura, dedicándolle unha especial atención á figura de Castelao, ó que coñece nesa época.

Foi mobilizado polo Desastre de Annual e enviado a África. Posteriormente, debido a unha infección, é evacuado á península e declarado inútil para o exército.


A partir de 1921 exerce de avogado en Vigo. Entre 1922 e 1926 dirixe nesta cidade o xornal Galicia, unha alternativa liberal e democrática que aglutinaba destacadas personalidades da vida e a cultura galegas, entre elas a Castelao, quen aportaba os seus debuxos e as súas caricaturas. En 1924 pasa dous meses na cadea de Vigo, por dous artigos que publicara. En 1957 volve outro mes á cadea. O xornal Galicia, co que xurdiu a gran escola de caricaturistas galegos, foi pechado pola dictadura de Primo de Rivera.


Milita no Partido Galeguista, na formación do cal participa. En 1931 preséntase con Castelao e Cabanillas ás cortes constituíntes, non saíndo elexido por unha diferencia de poucos votos. En 1934 é nomeado Secretario do Partido Galeguista, en substitución de Castelao, que fora desterrado a Badaxoz. En 1936 colabora na campaña polo Estatuto de Galicia. Nesta época asesoraba como avogado ás asociacións de armadores pesqueiros. Sofre dous atentados, o primeiro en Vigo, o segundo en Verín, onde fora desterrado logo do alzamento franquista. Trasládano despois á Serra de Queixa e Pobra de Trives, onde coñece a Pilar, coa que casa en 1939. Anos máis tarde regresa a Vigo, sen que ninguén lle comunicase o fin do seu desterro.

En 1940 nace o seu fillo Alfonso. Mantén contactos cos republicanos e despois da morte de Castelao en 1950 relaciónase cos emigrantes e exiliados galegos en Arxentina e intensifica a súa relación co mundo da pesca e a súa colaboración coa FAO. En 1976 e 1977, despois da morte do Dictador, representa a Galicia na "Comisión dos dez", que negociou a transición co goberno español presidido por Adolfo Suárez, e nas eleccións democráticas que teñen lugar ese último ano foi elexido senador por Pontevedra dentro das listas da Candidatura Democrática Galega. En 1978 pronuncia o discurso de ingreso na Real Academia Galega, da que é membro desde 1964.


Valentín Paz Andrade, xa desde moi cedo, demostrou unha viva preocupación polos temas pesqueiros e pola máis xeral problemática socioeconómica de Galicia. Impulsor de Pescanova, empresa da que foi vicepresidente, e técnico da FAO, foi o primeiro especialista español proposto por esta organización das Nacións Unidas para misións internacionais en Hispanoamérica. Tamén, dentro deste eido, dirixiu a revista de economía e tecnoloxía Industrias pesqueras e é o autor do primeiro tratado sobre Principios de economía pesquera, editado pola FAO. Destaca tamén a súa faceta de conferenciante e participante en numerosos congresos internacionais da ONU sobre agricultura e alimentación.


Poeta da Xeración de 1925, iníciase na literatura en 1921 coa publicación da novela Soldado da morte. En 1955 aborda o eido da poesía con Pranto matricial, no que evoca a morte de Castelao. Continuará esa liña en Sementeira do vento (1968), libro no que canta á paisaxe, ás xentes, ó exilio e ós poetas galegos. Cen chaves de sombra (1979) e Cartafol de homenaxe a Ramón Otero Pedrayo (1986) son as dúas últimas obras poéticas. Ademais das múltiples contribucións a libros e publicacións periódicas, é autor tamén dos ensaios Galicia como tarea (1959), La anunciación de Valle-Inclán (1976), La marginación de Galicia (1970), A galeguidade na obra de Guimarães Rosa (1978) e Castelao na luz e na sombra (1982), unha das máis completas biografías do autor de Rianxo.

Como promotor que é dos estudios económicos en Galicia, publicou numerosas obras sobre o mundo da pesca e a actividade económica en Galicia.

Valentín Paz Andrade, desde hai pouco tempo, dálle nome ao Instituto de Formación Profesional na carretera vella de Madrid. no Meixueiro, en Vigo. Un pequeno pero merecido tributo a un galego para o que, en palabras de Xosé Filgueira Valverde, "Galicia, foi sempre, na vida e nos froitos, norte das rutas, meta dos pensamentos, ánimo de vizosos traballos."





No hay comentarios:

Publicar un comentario